Wednesday 08 de May de 2024

Inés Rey: “A presidencia de Zapatero supuxo un inmenso avance nos dereitos sociais”


A alcaldesa recibiu en María Pita ao expresidente do Goberno, e advertiu dos discursos reaccionarios que pretenden que a sociedade retroceda nos logros acadados

Rodríguez Zapatero participou no segundo Foro Pensando en Educación, organizado polo Concello e a UDC

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta tarde no Pazo Municipal de María Pita ao expresidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, relator inaugural no ciclo de conferencias do II Foro Pensando en Educación que organizan o Concello e a Universidade da Coruña (UDC).

Durante o encontro, Inés Rey valorou o traballo de José Luis Rodríguez Zapatero durante os seus anos á fronte do Goberno de España (entre os anos 2004 e 2011) e tamén o seu legado: “Hoxe, na Coruña, temos o pracer de contar co que foi o primeiro presidente feminista que tivo España. O primeiro que levou unha lexislación clara ao Consello de Ministros e Ministras para avanzar na igualdade das mulleres ou a favor do matrimonio entre sexos iguais”.

Neste sentido, a alcaldesa subliñou a importancia de que a sociedade “non retroceda en valores conquistados, que por momentos parecen ameazados por discursos reaccionarios”.

Por iso, agregou Inés Rey, “seguen sendo importantes foros como Pensando en Educación, para evitar dar pasos atrás”. A rexedora recordou a este respecto que “a presidencia de Rodríguez Zapatero supuxo un inmenso avance nos dereitos sociais”, apertura que non se pode entender sen facer referencia á súa vertente educativa.

Por outra banda, a alcaldesa salientou a necesidade de impulsar foros como Pensando en Educación “porque a educación e o progreso, son o que sobrevive ao ruído improductivo que nos invade diariamente”. O expresidente do Goberno saludou durante a súa visita aos portavoces da corporación e asinou no Libro de Honra do Concello antes de impartir a súa conferencia no Paraninfo da Universidade.

A ministra de Educación Pilar Alegría pechará o II Foro Pensando en Educación

Na súa primeira edición, o Foro Pensando en Educación contou coas achegas de figuras tan destacadas como Federico Mayor Zaragoza ou María Teresa Fernández de la Vega.

Este ano, e despois da conferencia inaugural de José Luis Rodríguez Zapatero, impulsaranse outras catro convocatorias:
● 26 de abril: Con Míriam Campos Leirós, mestra e coordinadora de Teachers for Future Spain.
● 24 de maio: Con Marina Echebarría Sáenz, catedrática de Dereito Mercantil na Universidade de Valladolid.
● 25 de outubro: Con Inma Chacón Gutiérrez, escritora.
● 15 de novembro: Con Pilar Alegría Continente, ministra de Educación e Formación Profesional no Goberno de España